Etiqueta Negra é a feira de produto gourmet galego que organizamos en Pontevedra desde o ano 2016. O evento, primeiro das súas características, reúne nun mesmo espazo a produtores e profesionais do sector, así como público xeral interesado na alimentación de calidade. A feira celébrase a segunda fin de semana do mes de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra. Reúne, edición tras edición, a máis de 100 expositores do sector procedentes de toda Galicia.
Xunto á zona expositiva, Etiqueta Negra conta cun interesante programa de catas, degustacións e talleres formativos e outro de demostracións de cociña en directo protagonizado por grandes chefs e novas promesas da cociña galega.
Por Etiqueta Negra pasaron recoñecidos cociñeiros e cociñeiras como Lucía Freitas, Pepe Solla, Pepe Vieira ou Iñaki Bretal, entre moitos outros.
Traballo previo
A organización integral dunha feira así require dun traballo previo moi rigoroso, que inclúe a comercialización dos espazos, a xestión de patrocinios, a loxística, o deseño integral de todos os espazos da feira, a coordinación da montaxe ou o desenvolvemento da campaña de comunicación necesaria en cada edición. Unha xestión que se ve recompensada pola importante asistencia de público e polo negocio xerado entre os profesionais do gourmet galego que acuden en cada edición.
Para coñecer un pouco máis o proxecto, podes consultar a web: www.etiquetanegragourmet.com e nas redes: Facebook @feiraetiquetanegra e Instagram @etiquetanegragourmet
A séptima edición de Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora celebrarase os días 11, 12 e 13 de novembro de 2023.
Etiqueta Negra é unha feira que promove o Concello de Pontevedra e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Mancomunidade do Salnés o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Gráficas Anduriña, e grandes marcas do sector como Estrella Galicia, Gadis ou Froiz, entre outros.
(Traballo en colaboración con outras empresas).