O obxetivo da Festa dos Libros é a promoción e venda de libros, claro. Pero, lonxe de parecerse a outras feiras, destaca porque se concibe tamén como toda unha celebración arredor da cultura. Na súa ambientación búscase darlle un tono lúdico. É unha celebración, polo que o deseño do espazo onde se desenvolve (amplo, cómodo e atractivo visualmente), pode recordar ao das festas de verán de calquera vila galega.
O espazo dividíuse á súa vez en dous ambientes diferenciados: un destinado ás librarías participantes, con stands construídos en madeira, un zona para a exposición de libros e outra para a sinatura das obras por parte das autoras e autores convidados. E un segundo ambiente cun pequeno escenario polivalente e un patio de butacas. Este espazo empregóuse para a presentación de libros, a celebración de recitais e mesas redondas e para actuacións musicais.
Para enriquecer a dinámica propia da feira deseñamos e xestionamos tamén un programa de actividades complementario. Nel houbo un interesante abano de propostas con presentacións e sinaturas de libros, coloquios, recitais de poesía, contacontos e música, entre elas.
Esta edición da Festa dos Libros contou coa participación de destacados autores e autoras como: Xesús Fraga (Premio Nacional de Narrativa 2021), Berta Davila ( Premios Xerais 2021), Pedro Feijoo, Arantza Portabales, Najat El Haschmi (Premio Nadal 2021) ou Alejandro Palomas (premio Nadal 2018).
O lugar escollido para o evento non foi casual, xa que a praza da Ferraría de Pontevedra, por singularidade e localización, adecúase ás necesidades da feira perfectamente. Empregamos unha gran carpa aberta polos laterais para garantir a correcta ventilación e seguridade sanitaria (cumplindo de maneira moi estrita o protocolo sanitario pola Covid-19), ademais de protexer aos participantes das posibles inclemencias metereolóxicas.
Cliente: Concello de Pontevedra
Datas de realización: 2, 3 e 4 de xullo de 2021
Edición: 4ª
Localización: praza da Ferraría de Pontevedra
Nestes enlaces podes consultar os perfís en redes sociais da Festa dos Libros.