Mulleres e Inspiración é o título dun ciclo de conferencias, un concerto e unha exposición para o exterior, que busca visibilizar a presenza das mulleres no eido da composición musical, neste caso na da música clásica. A iniciativa promóvea a Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra co apoio do Concello de Pontevedra, a partir do proxecto de Judith Iglesias, membro da orquestra, comisaria e autora dos contidos da mostra.
Os elementos que creamos para este proxecto son:
- Cartel.
- Programa de man coa información do concerto principal e as temáticas das conferencias previas a este concerto. Formato: tríptico pregado en envolvente.
- Exposición “Mulleres na música” para exhibir no exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra.
A mostra
Conceptualizámola en paneis de 2 x 2 metros que, de maneira cronolóxica, reproducen as biografías das principais mulleres músicas da historia en Galicia. Compúxose en 3 cubos de 2 x 2 metros sobre os que se montaron os paneis fabricados en dibon (un material resistente e axeitado para o exterior) que se rotularon con vinilo impreso. Con estas características técnicas a mostra estivo exposta desde o 1 de xuño ata o 15 de xullo no espazo exterior polo que se accede ao Pazo da Cultura de Pontevedra.
Todas as pezas, así como as súas adaptacións dixitais, seguen unha liña gráfica limpa e identificable, coa gama dos azuis como cores predominantes. Con elas búscabase recordar as cores da bandeira galega, pero de maneira moito máis estilizada e estética, menos evidente, xa que o contido de mostra son as biografías e achegas de 19 compositoras galegas de todos os tempos.