O Salón do Libro de Pontevedra é un evento cultural cunha traxectoria moi longa, que este ano celebrou a súa XXII edición. A iniciativa, que cada ano se dedica a tema específico, diríxese ao público familiar e busca promover o libro e a lectura entre a rapazada. Este 2021 o tema escollido para o Salón do Libro foi “Emerxencia literaria. Libros para salvar o planeta!”.
Para o concepto xeral de deseño, que debía estar completamente vinculado ao tema do Salón, xogamos coa idea de contrapoñer ambientes e espazos. Diferenciámolos en dúas grandes áreas: unha primeira -o recibidor e o espazo de acceso á sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra- na que se mostraban os problemas aos que o planeta se enfronta: a contaminación, o gas invernadoiro, o cambio climático… E un segundo ambiente (xa dentro da sala de exposicións) no que se despregou un paraíso de ecosistemas naturais -coidados e respectuosos co planeta- onde os libros foron absolutos protagonistas. Porque onde hai libros sempre hai esperanza.
OS ESPAZOS
Recibidor e rampla de acceso á sala de exposicións
Ambientámolos reflectindo algúns dos perigos aos que se enfronta o planeta (economía do fume, residuos urbanos, residuos industriais, residuos tóxicos, plástico nos mares, coronavirus, deforestación…). Para facelo vestimos a entrada, o vestíbulo e a rampla de acceso á sala de exposicións con bobinas de madeira, barrís de residuos tóxicos, chemineas de fábricas, bolsas do lixo, redes e plásticos no mar, tubos de plástico, representacións de coronavirus, incendios e mesmo deforestación. A ambientación facía referencia á contaminación, pero buscando un resultado estético e non intimidante para o público e, en especial, para a rapazada visitante do Salón.
A sala de exposicións ambientada cos ecosistemas da Terra
Deseñamos un espazo centrado nos libros que colocados en rincóns evocadores dos diferentes ecosistemas naturais da Terra: desde a xungla ao deserto, pasando por un gran océano azul e profundo ou o polo Norte. Cada un destes ecosistemas acolleu exposicións, bibliotecas e tamén salas de actividades e obradoiros.
O Planetario
Deseñámolo como un espazo pensado para reflexionar relaxadamente sobre o planeta. Nunha sala escura moi en penumbra localizamos unha representación do noso planeta, pequeno na inmensidade do universo e representado cunha proxección no teito das constelacións e o firmamento. A idea que se tentaba transmitir aos visitantes é a da singularidade do noso planeta (único no universo) e a necesidade de coidalo.
O océano! (espazo biblioteca)
A biblioteca do Salón do Libro estivo localizada neste ano tan especial, nun océano con augas limpas e transparentes. Nel colocamos unha gran balea dentro da que ler; un recuncho con peixes no que parar un anaco a ver libros ou un arrecife cheo de novidades editoriais… A sensación que quixemos transmitir con esta ambientación foi a de que os océanos están cheos de vida, igual que nos libros, e debemos conservalos e coidalos.
A xungla
Nunha ambientación co medio natural como parte protagonista non podía faltar o verde, e non temos nada máis verde na Terra que as selvas e xunglas. Son os pulmóns do planeta e están cheas de segredos por descubrir. Concebimos esta área como un espazo multiusos para a celebración de obradoiros, pequenos encontros e presentacións de libros.
Para favorecer a amplitude e uso do espazo creamos un xardín vertical, onde se podían descubrir pequenos animais da xungla. Nel colocouse tamén, integrándoo coa ambientación, unha das exposicións máis destacadas do Salón do Libro deste ano: AMANI de Miguel Anxo Prado.
O deserto
O deserto tamén é un bioma. E cheo de vida! O cambio climático afecta a todos os ecosistemas, tamén a este. Deseñámolo buscando a interacción do público cos diferentes elementos, para favorecelo instalamos caixóns e area na que deixar palabras, textos ou debuxos.
O polo
A importancia dos casquetes polares é enorme para o planeta, xa que manteñen o nivel das augas baixo control, son imprescindibles na regulación das correntes mariñas, enchen o mar de nutrientes e son importantísimos para regular o clima da Terra. Por iso, para representalo convertemos un dos espazos nun anaco do Ártico. Sobre brancas plataformas de xeo, instalamos pantallas de TV nas que se proxectaron os traballos escolares que -tradicionalmente- se exhiben no Salón do Libro.
Teatriño verde!
No espazo do coñecido polo público do Salón do Libro como o teatriño instalamos unha pequena a pradeira, vexetación, nubes, e libros! Nas paredes que o enmarcan, colocouse a mostra “Hans” da ilustradora de Susana Suniaga.
Illa do Covo
Nesta edición o Salón saíu das instalacións do Pazo da Cultura para celebrar parte da súa programación na Illa do Covo. Neste zona natural deseñamos un espazo amplo e comfortable para o público, baseándonos no activismo medioambiental, con Greta Thunberg e Wangari Maatai como protagonistas.
Instalouse unha carpa do estilo tipi, cadeiras para os gozar dos espectáculos con seguridade e decoramos o espazo con pancartas reivindicativas con lemas a prol do planeta.
Un Salón do Libro distinto e moi especial para o que, ademais da ambientación dos espazos, traballamos os ambientes seguindo de maneira rigorosa as recomendacións sanitarias vixentes pola pandemia da Covid-19.