Imaxina que na entrada do teu local comercial tes un felpudo. É de cor marrón, está algo vello e ás veces vese algo sucio… Que máis dará. É un felpudo.
Reparaches alguna vez en que ese obxecto transmite unha das primeiras impresións que reciben os clientes da túa empresa?
Cres que esa impresión se corresponde coa realidade da túa marca?
Comunica o que queres que comunique da túa actividade?
Di o que queres que diga da túa profesión, ou do teu proxecto?
Si? Seguro?
Todo comunica
Absolutamente todo. Desde as grandes accións de márketing ata os pequenos detalles, como ese felpudo.
Queres máis exemplos?
Comunica como interactúas cos teus clientes, comunica con que vestimenta te mostras ante o público, tamén comunica a maneira na que tes decorado o escaparate do local (se o tiveras). Comunica o rótulo que o identifica (estea vello, roto ou teña luces programables)… por suposto que tamén comunica a maneira na que contestas o teléfono…
Todos eses aspectos están trasladando información sobre a túa marca, sexa grande ou moi pequena. É importante que os coides. Que sexan doses de información controlada e positiva para o teu público, que transmitan a información que ti queiras transmitir. Que sexa o correcto depende enteiramente de ti e do coidado que poñas en todos e cada un destes detalles.
Os elementos que che acabamos de nomear forman parte da comunicación da túa empresa, é este parámetro está dentro, á súa vez, do márketing.
Márketing para pemes
Todas as empresas, independentemente do seu tamaño precisan do márketing e, tamén, fan márketing. Sexan conscientes ou non. É unha inversión, e se tes o coidado de preparar un plan de antemán terás moito gañado.
Para facelo deberías optar por un profesional (aquí postulámonos a axudarte!), pero se o teu orzamento non cho permite, sempre podes comezar por “coidar” eses pequenos detalles que tanto comunican. Notarás a diferenza.
Pero entón que é o márketing
É o conxunto de decisión que unha empresa toma con respecto ao produto ou o servizo que ofrece. Isto é: como fai chegar o produto aos seus clientes, con que prezo e como o dá a coñecer aos seus públicos. Estes conceptos son o que se coñece como as catro Ps do márketing.
Ampliámolo un pouquiño.
- Produto (product, en inglés). Todas as empresas deciden o que venden, que productos ou servizos ofertan e as súas características. Isto é unha das primeiras decisións de márketing que se adoptan, e afectará á marcha do negocio.
- Distribución (place). Imos vender o noso produto ou servizo nun local propio, ou imos distribuílo en tendas, vendelo por internet, ou porta a porta. De como distribuamos o noso produto ou servizo van depender o resto de decisións que afectan ao noso negocio.
- Prezo (price). Definir un prezo axeitado é tamén unha decisión de márketing. Atopar o equilibrio entre o que os nosos clientes están dispostos a pagar e o prezo que debemos fixar para asegurar a rendabilidade do noso negocio é unha decisión importante, que pode supoñer a diferenza entre o éxito ou o fracaso.
- Comunicación (promotion). As empresas toman decisións en canto á maneira na que comunican as vantaxes dos seus produtos ou servizos, como transmiten a imaxe da súa marca ou como trasladan ao público a súa filosofía para mellorar a percepción que a sociedade ten da empresa.
A comunicación da túa empresa non se reduce só as mensaxes das campañas publicitarias que realices. Tamén comunica a maneira de atender aos clientes, a presenza e actitude dos dependentes, a decoración do local, o empaquetado dos produtos, a presenza nas redes sociais e Internet, etc… Lembra que un cliente insatisfeito coa atención recibida é moi probable que non regrese e que, por riba, faga mala publicidade da túa empresa.
A comunicación das pemes
Todas as empresas, sexan grandes ou pequenas, precisan e usan o márketing e a comunicación corporativa para acadar os seus fins.
A comunicación corporativa é o conxunto de mensaxes que se intercambian entre a empresa e os propios integrantes da mesma; así como coa súa contorna. É todo o que a empresa di sobre si mesma.
Se as PEMES, pequenos comercios ou autónomos son conscientes de que cada decisión que toman son decisións de márketing, entón poderán comezar a coordinar as súas accións, adoptar mellores opcións, e identificar erros que lles permitan facer os cambios oportunos para mellorar a rendablidade dos seus negocios.
E agora mira o teu felpudo. Precisa dun cambio?