Cando nos enfrontamos a unha imaxe icónica que todo o mundo recoñece como a de Rosalía de Castro, en primeiro lugar sófrese unha mistura de sensacións (en silencio, si) que van desde o tremor telúrico ao suor frío pola responsabilidade que iso conleva. O segundo que acontece relaciónase co temor que invade a calquera, porque de ningunha maneira se quere caer en tópicos á hora de abordar o deseño. E o terceiro que pasa é que se dá unha dobre dicotomía ante o horror vacui da pantalla en branco: ou se vai de cabeza arriscando, ou se escolle unha opción máis convencional.
Algo así foi o que nos pasou aos de Ovo o día que recibimos o encargo da área de Cultura do Concello de Pontevedra. O noso interlocutor dixo algo tal que así: “deseñade un cartel para anunciar un programa de actividades sobre Rosalía de Castro. Gustaríanos que o deseño teña unha imaxe impactante. Queremos dalo a coñecer coincidindo co aniversario da data do seu nacemento”.
Por se non lembrades cando naceu a autora ou andades algo despistadas, recordámola: o 24 de febreiro de 1837. Hai 183 anos.
E que decidimos nós? Pois claro, arriscar…
Para elaborar o cartel optamos por un deseño rupturista e innovador, que ofrece unha imaxe da escritora moi respectuosa coa súa figura, claro, á vez que é vangardista, moderno e moi actual. Unha das nosas premisas era que fose identificable para todos os públicos. Tamén queriamos que conectase coas novas xeracións de lectoras e cremos telo conseguido.
Como sucede con outros autores e autoras da Literatura Galega universal, hai moi poucas imaxes da escritora de Padrón. E as que hai están sobreutilizadas. Basicamente son dúas: a do billete de 500 pesetas (que lembraremos as xeracións das décadas pre-euro) e outra coa súa familia. Estas fotografías empréganse en multitude de carteis, folletos e webs de ámbito cultural, razón pola cal era moi difícil defender un deseño «innovador» cunha desas fotos de Rosalía de Castro como protagonista.
Rosalía, icono pop!
Así e todo, optamos por unha das imaxes máis coñecida da autora como referencia e démoslle unha volta (ou varias), reiterpretándoa coa xeometría e a cor como conceptos de base. O resultado é un deseño colorista, fresco e moi atractivo, que actualiza as referencias visuais que temos da escritora padronesa. Tamén se adapta á realidade e estéticas actuais. O cartel é bonito (que imos dicir nós!), versátil e diferenciador. Non se relaciona cos estereotipos visuais habituais e resulta moi identificable coa figura histórica que presenta.
Contámosvos un pequeno segredo, así, para rematar… Tal foi o éxito do cartel, que houbo que facer varias reimpresións del, pero non para anunciar nada, senón para ¡enmarcalos! Non foron poucas as persoas que nolo pediron para poñer na súa casa nun cadro. Cousa que, tempo despois, segue pasando.
Un resultado así é froito do traballo e o criterio estético e gráfico que aplicamos en cada deseño, claro, pero tamén é froito da admiración…
Da que sentimos por ela. Rosalía… a de Padrón, a nosa!