Seguro que xa coñeces a campaña do Goberno de Canarias para concienciar á poboación sobre os riscos pola covid-19 nas reunións coa familia ou cos amigos, e o importante que é gardar as distancias. Ou, quizais, viches o impactante spot da Comunidade de Madrid para promover o uso de máscaras entre as persoas máis novas. Se nos les desde Galicia, moi probablemente tamén reparaches no hashtag #Sentidiño, que esgrime a Xunta de Galicia para concienciar á poboación da situación de pandemia que estamos a vivir.
Unhas e outras iniciativas buscan o mesmo: concienciar e facer reflexionar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas en primeira persoa para evitar a propagación do virus.
Non é nada novo
O certo é que sexan estas campañas ou outras, como as da DGT (Dirección General de Tráfico) por exemplo, non son nada novo no panorama publicitario, tanto nos recursos audiovisuais, como nas narrativas que usan. Moitas veces a publicidade institucional de corte social busca lograr impactos tocando (en ocasións de maneira moi dura) a sensibilidade de cada espectador. A que non cumpre esa condición das tres que mencionamos ao comezo é a da Xunta.
Pontevedra no 25 N
Ao fío deste asunto, hoxe queremos amosarvos tres das campañas que fixemos para a Concellaría de Muller do Concello de Pontevedra. Todas para o 25N, Día Internacional da Non Violencia contras as Mulleres. O que buscamos en todas elas foi promover a reflexión e remexer as conciencias para conseguir comprender a raíz do problema da violencia contra as mulleres.
#PrimAcoso
Baixo este hashtag tecimos esta campaña pensada para as redes sociais, na que se invitaba ás mulleres a recordar e contar a través de Twitter e Facebook a primeira vez que se sentiron acosadas na súa vida. A iniciativa, promovida polo CIM (Centro de Información á Muller de Pontevedra) en 2018, tiña tres obxectivos:
- Coñecer como se xesta e onde comeza a pirámide de violencia contras as mulleres
- Trasladarlle ás vítimas a mensaxe de que non están soas
- Coñecer a resposta da sociedade ante estas situacións. E iso materializouse de maneira moi clara nalgúns dos comentarios recollidos nas redes. Uns foron de absoluto apoio e outros todo o contrario. Resultaron ser gravísimos ataques que cuestionaban e se burlaban das vítimas que estaban a relatar as súas experiencias.
Este vídeo resume moi ben que foi #PrimAcoso
Porca, Puta, Burra…
Soa mal, xa o sabemos mais… velo na gráfica dun mupi (soporte de publicidade exterior de grandes dimensións) é -cando menos- súper impactante. E esa era unha das cousas que queriamos conseguir: captar a atención do/a espectador/a.
Deseñamos tres carteis con cadanseu insulto seguido dun texto que explicaba o motivo de semellante gráfica.
“PUTA” “PORCA” “BURRA”
(Letra pequena) “A violencia machista non empeza cunha paliza. Páraa antes”
O obxectivo era facer reflexionar ao espectador/a sobre de que maneira “normalizamos” cuestións que, lonxe de ser tratamentos cotiáns, son situacións de maltrato. Cada cartaz aportaba, ademais, as cifras reais do número de mulleres asasinadas no ano anterior.
A campaña non situaba o foco estritamente sobre a vítima ou o maltratador, como pasa noutros casos, senón en calquera espectador/a anónimo dándolle a entender que, lamentablemente, estas situacións non son alleas a ninguén.
A repercusión desta campaña foi moi importante, ata tal punto que magazines e informativos de televisións nacionais como TVE1 ou Antena 3 fixéronse eco dela.
Podes velo aquí:
Programa LA MAÑANA de RTVE
Cambia o conto, princesa
Lanzámola no outono 2013 e dirixíuse ao público máis novo da cidade de Pontevedra. Con ela buscamos cambiar estereotipos e romper mensaxes “normalizadas” que para nada teñen que ver coa igualdade entre as persoas.
Deseñamos 4 cartaces con cadansúa mensaxe. Nos textos usamos refráns populares con connotacións machistas aos que se lles deu unha “volta de realidade”. O lema chama á acción, invita á mocidade a romper con esas dinámicas e atallalas de raíz.